Atrás

A Consellería de Traballo e Benestar publica hoxe dúas ordes no DOG relacionadas co programa de Garantia Xuvenil que inclúen obradoiros de emprego e axudas para a realización de prácticas non laborais en empresas

A Consellería de Traballo e Benestar publica hoxe dúas ordes no DOG relacionadas co programa de Garantia Xuvenil que inclúen obradoiros de emprego e axudas para a realización de prácticas non laborais en empresas

Categoría: Formación para o emprego e prácticas

Segundo publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, por unha banda, póñense en funcionamento obradoiros de emprego que, promovidos polas entidades locais, están dirixidos a mellorar a ocupabilidade das persoas de entre 18 e 24 anos, ou menores de 30 no caso de persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%, que non estean a traballar nin a participar en actuacións educativas ou formativas.

Estas persoas deberán estar inscritas na base de datos do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil en Galicia e acreditar previamente o cumprimento dos requisitos de acceso ao programa.

A programación dos obradoiros integrarase, na medida do posible, en proxectos que dean resposta ás demandas do mercado de traballo e sexan capaces de activar o desenvolvemento territorial, xerar riqueza e, consecuentemente, crear postos de traballo.

Por outra banda, concederanse subvencións a aquelas empresas con sede de traballo en Galicia que, logo da sinatura dun convenio de prácticas non laborais co Servizo Público de Emprego de Galicia, subscriban acordos para a realización de prácticas non laborais cos mozas e mozas inscritos no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil en Galicia.

Como no caso anterior, as persoas que se poderán acoller a estas prácticas serán mozos e mozas entre os 18 e os 24 anos ou menores de 30 no caso de persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%, que non estean a traballar nin a participar en actuacións educativas ou formativas e deberán estar inscritas na base de datos do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil en Galicia.

Para coñecer todos os requisitos que deben cumprir tanto os beneficiarios como participantes, como entidades promotoras de ambas as dúas axudas pode consultarse a resolución do DOG nº 17 con data 17 de xaneiro de 2015 ou descargala directamente a través desta web no apartado de descargas.