Atrás

A Fundación Paideia organiza prácticas en empresas europeas para mozos e mozas inscritos en garantía xuvenil

A Fundación Paideia organiza prácticas en empresas europeas para mozos e mozas inscritos en garantía xuvenil.

Categoría: Formación para o emprego e prácticas

A Fundación Paideia está comprometida coa loita contra o desemprego e a mellora da cualificación dos nosos mozos e mozas.  Non en vano, ten como misión promover a innovación social desde a excelencia e interdisciplinariedade, a través da creación de proxectos innovadores e sostibles que fomenten o emprego de colectivos en desvantaxe, a igualdade de oportunidades e o desenvolvemento económico

Unha das súas apostas é o programa la IdA, un proxecto dirixido a mellorar a integración profesional dos mozos e mozas a través do intercambio e a mobilidade.

A IdA ten unha duración habitual de 1 a 3 meses, non ten custe económico e permite a realización de prácticas formativas, curso de idiomas e actividades culturais e deportivas noutro país da Unión Europea. A mobilidade realízase nun grupo formado por 8 – 12 participantes. Un mediador transnacional acompaña ao grupo e un titor de contacto hispano falante asesora ao grupo durante toda a estancia no país de acollida.

O programa está dirixido a mozos e mozas entre 16 e 29 anos que estean inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil e que estean en posesión dalgúns dos seguintes títulos educativos: Educación primaria, PCPI, ESO, Formación Profesional e Bacharelato. Os participantes poderán optar a realizar prácticas en diferentes sectores tales como fabricación mecánica, saúde, estética e perruquería, construción, mecánica, madeira e móbeis, deporte, xardinería, turismo, etc…

O sistema metodolóxico conleva dous pasos. Primeiro hai unha parte de preparación en Galicia na que se fai un curso de idiomas, formación intercultural, trámites administrativos e actividades culturais/deportivas na Coruña e/ou Padrón. Posteriormente, , pásase á mobilidade propiamente dita e realízanse as prácticas formativas en empresas europeas, curso de idiomas e actividades culturais/deportivas.

Unha vez estean finalizadas as prácticas, faise a avaliación  e peche de proxecto ao que se suma un servizo de orientación.

En canto á cobertura económica, o programa cubre o aloxamento, manutención, billetes de avión e traslados locais no país de destino á empresa onde se realizarán as prácticas, seguro de asistencia en viaxe e mediador e titor de contacto.

O vindeiro 4 de febreiro haberá unha xornada informativa na sede da Fundación Paideia (Praza de María Pita, 17) ás 17:00 h. onde ademais se abordará outro programa, o Servizo de Voluntariado Europeo.

Máis información e inscricións: http://www.paideia.es/la-ida/