Atrás

A Xunta investirá 48,8 millóns de euros para a mellora da empregabilidade dos menores de 25 anos

A Xunta investirá 48,8 millóns de euros para a mellora da empregabilidade dos menores de 25 anos

Categoría: Apoio á contratación

A Xunta,  a través da Consellería de Traballo e Benestar, investirá 48,8 millóns de euros en mellorar a empregabilidade dos menores de 25 anos non ocupados e que non forman parte do sistema de formación ou educación. Este orzamento articularase a través do programa de garantía xuvenil pactado cos axentes sociais presentes no Diálogo Social,  CEG (Confereación de Empresarios de Galicia), a UGT-Galicia (Unión General de Trabajadores) , e CCOO-Galicia (Comisións Obreiras), e ratificados onte mesmo cos seus representantes e o Presidente da Xunta. Ademais, a partir de agora a colaboración continuará a través da constitución dunha comisión de seguimento  entre a patronal e os sindicatos para avaliar a implantación destas actuacións. Reunirase cando menos, cada tres meses, ou cando se solicite.  En función dos resultados, poderase acordar reconducir os fondos cara outras actuacións co fin de acadar a maior efectividade posible.

O Consello da Xunta coñeceu hoxe polo miúdo o plan, que ten como obxectivo principal mellorar a empregabilidade dun dos colectivos de desempregados que maiores dificultades afrontan de cara á súa inserción laboral.

 

Garantía Xuvenil

Os destinatarios do programa de Garantía Xuvenil, dotado con 48,8 millóns de euros, son mozos e mozas de entre 16 e 25 anos –ata 30 no caso de ter unha discapacidade igual ou superior ao 33%-. Segundo os últimos datos da EPA dispoñibles, correspondentes ao terceiro trimestre, en Galicia existen un total de 38.400 mozos e mozas que son potenciais beneficiarios desta iniciativa.

O obxectivo é que os/as inscritos/as reciban unha oferta de emprego, de educación continua, de formación de aprendiz ou período de prácticas nun prazo de catro meses tras acabar a educación formal ou quedar desempregados.

Para conseguilo, articularase ao redor de 9 medidas. A primeira de todas elas consistirá na contratación de técnicos para o Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) que prestarán unha atención específica a este colectivo. Permitirá a contratación de 56 profesionais.

As seguintes dúas medidas céntranse, especialmente, na adquisición da experiencia. Unha delas será a realización de obradoiros de emprego cos/coas participantes do sistema de Garantía Xuvenil. Por outra banda, incorporarase un novo programa de adquisición de experiencia en entidades sen ánimo de lucro. A Xunta financiará a totalidade dos custos salariais de acordo ao convenio colectivo. As actividades que realicen os seleccionados debeán estar relacionadas, de ser o caso, coa titulación ou formación previa que posúan ou, en todo csao, terán que redundar na mellora do seu nivel de competencia profesional.

A cuarta medida ten como obxectivo a mellora da cualificación, a través da formación en competencias clave, tecnolóxicas, de idiomas e de certificados de profesionalidade. Estará dirixida tanto a aqueles mozos que carecen de cualificación, como para os que teñen unha certa formación, pero necesitan unha formación máis axeitada ás necesidades do mercado laboral. A quinta actuación do programa de Garantía Xuvenil tamén se engloba nesta liña de actuación, e terá como obxectivo posibilitar que retomen os estudos aqueles mozos e mozas que os abandonaron no seu día, co fin de que obteñan o título da ESO ou de FP de grao medio.

Pola súa banda, a sexta medida está destinada a aqueles mozos e mozas que teñen formación académica, pero carecen de experiencia laboral. Convocarase unha orde de subvencións que financiará as bolsas que as empresas deben abonar mensualmente aos mozos e mozas en prácticas.

As últimas tres actuacións consisten en incentivos á contratación, en axudas ao establecemento como autónomos, e en subvencións para a incorporación ás cooperativas.

Os incentivos a contratación para os mozos  e mozas contarán con 200 euros ao mes cun máximo dun ano en calquera modalidade contractual temporal igual ou superior a 6 meses, sempre que sexa a xornada completa. No caos de superar os 6 meses, a axuda poderá ser superior. As axudas van dirixidas a sectores emerxentes (I+D+i, empregos verdes ou atención a persoas). Tamén se subvencionará os contratos en prácticas en empregos relacionados coa titulación do beneficiario; a contratación indefinida de menores de 25 anos que supoñan un incremento de persoal; e a transformación de contratos temporais en indefinidos.

No programa de promoción do emprego autónomo, incentivarase a alta destes mozos e mozas, especialmente a través dunha axuda a fondo perdido de 1.200 euros sen necesidade de acreditar un investimento en activo fixo e coa obriga de permanecer un ano de alta. Tamén se propón a realización dun programa de activación de competencias xuvenís aplicadas ao microemprendemento, que viría a complementar as axudas.

A última e novena medida do programa de Garantía Xuvenil consistirá en axudas económica para fomentar a incorporación de menores de 25 anos como socios/as das cooperativas e sociedades laborais.

Cabe lembrar que este Plan de Garantía Xuvenil será complementario ao Plan de Emprego xuvenil que xa tiña posto en marcha o Goberno Galego para o ano 2014 e 2015 e que contaba cunha dotación de 100 millóns de euros.