Atrás

A Xunta leva esta semana a aula móbil do programa de Garantía Xuvenil a Ames, Santiago e A Estrada

A Xunta leva esta semana a aula móbil do programa de Garantía Xuvenil a Ames, Santiago e A Estrada

Categoría: Novas anteriores

A aula móbil do programa de Garantía Xuvenil, que impulsa a Consellería de Economía, Emprego e Industria, visitará esta semana as localidades de Bertamiráns (Ames), onde quedará instalada en horario de 12 da mañá a 8 da tarde na praza de Chavián, para posteriormente trasladarse a Santiago de Compostela, onde se situará o xoves 5 e o venres 6 no Pazo de Congresos coincidindo coa celebración do Foro da Intermediación e o Emprego. Durante a fin de semana a aula móbil estará na Estrada, concretamente na Praza da Constitución.

Paralelamente a estas actividades continúan as charlas informativas. Ao longo desta semana os orientadores desprazaranse a Coruña, Culleredo, Sada, Brión, Silleda, Boiro e Ribeira. Todas estas actividades son de libre acceso e contarán coa presenza de técnicos que explicarán os beneficios da estratexia e solventarán todas as dúbidas dos asistentes.

O obxectivo do programa de Garantía Xuvenil é que os participantes poidan recibir unha oferta de emprego, de educación continua, formación de aprendiz ou acceder a un período de prácticas nun prazo de catro meses despois de acabar a educación formal ou quedar desempregados.

Para acadar este fin, o programa vertébrase en catro eixos: mellora da intermediación (servizo de orientación e información laboral), mellora da empregabilidade (obradoiros de emprego, prácticas non laborais en empresas), estímulos á contratación (bonificacións e incentivos a empresarios que contraten a mozos e mozas inscritos no sistema nacional de Garantía Xuvenil) e fomento do emprendemento (axudas á creación de empresas propias e cooperativas). Este plan de Garantía Xuvenil está cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo para o período 2014-2020, nunha porcentaxe do 91,89%.

Descarga aquí toda a programación semanal.