« Atrás

Ata 31.400 ninis galegos poderán apuntarse ao plan de garantía xuvenil

Ata 31.400 ninis galegos poderán apuntarse ao plan de garantía xuvenil

Categoría: Novas anteriores

Son a cara máis visible dos danos provocados polo tsunami do desemprego na sociedade española. Os ninis. Mozos e mozas de entre 16 e 24 anos que nin estudan nin traballan, inmersos nun perverso círculo vicioso no que a falta de formación ponlles case imposible encontrar un emprego á vez que esa falta de oportunidades laborais os desalenta para seguir preparándose. Nese bucle sen saída atópanse atrapados actualmente algo máis de 700.000 rapaces e rapazas, un de cada seis españois nese rango de idade.

A cifra incrementouse un 30 % desde o inicio da crise, segundo un informe sobre este fenómeno publicado recentemente pola patronal de axencias de colocación, Asempleo. No caso de Galicia, segundo os datos da última enquisa de poboación activa, o colectivo de ninis está formado por 31.400 persoas, que se dividen entre mozos e mozas parados que non cursan estudos, regrados ou non (23.100) e os que directamente se apartaron do mercado laboral e se declaran inactivos, isto é, sen disposición para traballar, pero que tampouco seguen ningún itinerario formativo (8.300).

Os ninis supoñen un 15,3 % do total de poboación galega entre 16 e 24 anos, fronte ao 17,5 % do conxunto do país, un diferencial que desde Asempleo explican pola menor taxa de paro xuvenil que rexistra a comunidade. Esta sitúase no 48,5 % en Galicia onde, dos 74.400 menores de 25 anos que integran a poboación activa, 36.100 están desempregados- fronte ao 53,1 % español, segundo os datos da última EPA, referidos ao segundo trimestre do ano. Así mesmo, a rebaixar o fenómeno contribúe tamén unha taxa de abandono educativo temperá lixeiramente máis moderada que a media estatal (23,1 fronte a 24,9 %).

Fondos europeos

O empuxón para loitar contra esta lacra -que segundo algúns estudos provoca un quebranto equivalente ao 1,5 % del PIB español, uns 15.000 millóns de euros ao ano, pola perda de capital humano- chegou de Bruxelas, onde as autoridades comunitarias aprobaron o ano pasado unha estratexia de garantía xuvenil para asegurar que todos os menores de 25 anos nesta situación recibisen unha oferta de emprego ou de formación nun prazo no superior aos catro meses desde que se queden en paro ou deixen de estudar. Para financiar esta iniciativa, España recibirá unha inxección de 1.887 millóns entre este ano e o próximo, dos que a Galicia lle corresponderán casei 49, pouco máis de 1.550 euros por nini.

Para poder acceder ás axudas, os mozos e mozas deben darse de alta nun rexistro telemático xa habilitado polo Ministerio de Emprego, que conta coa colaboración das administracións autonómicas. Poderán apuntarse os menores de 25 anos (ou de 30 se teñen unha discapacidade superior ao 33 %) que non traballaran nin participaran en accións formativas nos 30 días anteriores ao seu rexistro.

Entre as medidas estrelas deseñadas por Empleo para intentar reinserir aos ninis no mercado laboral está a bautizada como «tarifa xoven», unha bonificación de 300 euros mensuais nas cotas da Seguridade Social durante un máximo de seis meses para as empresas que contraten mozos e mozas deste colectivo. A Xunta presentará en breve as súas medidas de garantía xuvenil, que deseña en colaboración cos axentes sociais, e que se sumarán ao plan de emprego xuvenil presentado a pasada primavera.

FONTE: La Voz de Galicia