Atrás

Prácticas no estranxeiro para beneficiarios do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil a través do programa Galeuropa

Prácticas no estranxeiro para beneficiarios do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil a través do programa Galeuropa

Categoría: Formación para o emprego e prácticas

A conselleira de Traballo e Benestar asistiu esta semana á presentación do programa Galeuropa a través do cal 3.000 mozos e mozas poderán realizar prácticas no estranxeiro ata 2020. Trátase dunha iniciativa que xestiona a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado dentro de marco da educación non formal e na que participan dez países: Alemaña, República Checa, Holanda, Irlanda, Italia, Francia, Polonia, Portugal, Suecia e España.

Galeuropa, na que a Consellería de Traballo e Benestar investirá ata 2020 un total de 7 millóns de euros, ofrece aos rapaces galegos menores de 25 anos a oportunidade de realizar prácticas laborais no estranxeiro durante períodos de dous ou tres meses, co obxectivo de que poidan adquirir unha experiencia laboral que supón unha mellora do seu currículo ye das súas oportunidades no mercado laboral. En palabras da conselleira, o programa "vai dotar a Galicia de profesionais con coñecementos do funcionamento do mundo empresarial internacional e o dominio de idiomas estranxeiros contribuíndo, desta forma, á mellora da súa vida personal e profesional e ofertando recursos humanos de calidade ao tecido empresarial galego".

Ademais, segundo explicou a conselleira, este ano como novidade vincúlase a participación en Galeuropa coa presentación dun proxecto personalizado de mobilidade que se desenvolverá en colaboración coas empresas galegas. deste modo, e tal e como expuxo a conselleira, este programa axudará á mellora e actualización permanente das empresas galegas, aprendendo a través dos rapaces como traballa o seu sector en Europa, os avances tecnolóxicos e técnicos que aplican, a organización do traballo ou as estratexias de internacionalización, entre outros. "Os participantes desenvolverán un papel de nexo entre emprendedores e  produtores de distintos países de Europa, facendo deste programa un núcleo de intercambio de experiencias e do crecemento", apuntou a conselleira.

Outra das novidades deste ano é que os participantes deberán estar inscritos no ficheiro nacional do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil no ámbito territorial de Galicia. A conselleira recordou que, a través deste sistema, a Xunta puxo en marcha 9 medidas específicas que contan cun orzamento de 48 millóns de euros e 30.000 potenciais beneficiarios. Este Plan de Garantía Xuvenil é complementario ao Plan de Emprego Xuvenil que a Xunta puxo en marcha o ano pasado e conta cun orzamento de 100 millóns de euros.

A convocatoria de Galeuropa este ano, que se publicará no mes de maio previsiblemente, contará cun millón de euros e a participación de 500 mozos e mozas o que supón un incremento do 55 por cento con respecto a 2014.