Atrás

Aberto ata o 30 de setembro o prazo para solicitar axudas para o autemprego colectivo

Aberto ata o 30 de setembro o prazo para solicitar axudas para o autemprego colectivo

Categoría: Fomento do emprendemento

A Consellería de Traballo e Benestar publica hoxe a orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de incentivos ao autoemprego colectivo das persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil.

A orde contempla dous programas de subvencións: programa I de incorporación a cooperativas e sociedades laborais e programa II de fomento do emprendemento.

PROGRAMA I. INCORPORACIÓN A COOPERATIVAS E SOCIEDADES LABORAIS

Poderanse optar a el, por unha banda, as sociedades cooperativas galegas e sociedades laborais inscritas no Rexistro Administrativo de Sociedades Laborais dependente da Xunta de Galicia e no Rexistro Mercantil que incorporen mozos ou mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil como persoas socias traballadoras ou de traballo.

As achegas económicas contemplan cantidades que van entre os 12.000 € pola incorporación como socios e socias traballadoras ou de traballo, con carácter indefinido, ata un total  48.000  € por entidade.  Se a cooperativa ou sociedade laboral é de nova creación, a contía da subvención por persoa incorporada será de 15.000 €, ata un máximo de 60.000 € por entidade beneficiaria. O límite máximo por entidade beneficiaria poderá superarse no caso de producirse remanentes de crédito no mesmo programa, sen que poida exceder a contía destes.

O programa tamén contempla axudas de 600 €/mes pola incorporación como socios e socias traballadores ou de traballo a proba, sempre que estean por un período entre 6 e 12 meses cun tope de 14.400 € por entidade beneficiaria.

Por outra banda, as cooperativas e sociedades laborais de nova creación que incorporen como persoas socias traballadoras ou de traballo, con carácter indefinido, a mozas e mozos integrados no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil en Galicia poderán acceder a unha subvención para custos de estudo e formalización de microcréditos bancarios ata o 100 % do seu custo, cun máximo de 2.000 € por mozo ou moza incorporada e de 6.000 euros por entidade beneficiaria.

 

PROGRAMA II. FOMENTO DO EMPRENDEMENTO

Poderán acollerse ás subvencións previstas neste programa as mozas e mozos inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil en Galicia que emprendan unha actividade por conta propia e se incorporen a unha cooperativa en condición de socios, con compromiso de exclusividade para comercializar os seus produtos, obter subministracións, servizos e a asistencia técnica que precisen.

Os solicitantes, que deberán demostrar a viabilidade do seu proxecto, poderán acceder a unha subvención para custos de estudo e formalización de microcréditos bancarios ata o 100 % do seu custo, cun máximo de 2.000 € por solicitude.

Así mesmo, poderán acceder ás subvencións para o inicio de actividade, cunha contía de 3.000 € por persoa beneficiaria.

O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 30 de setembro de 2015.

Orde_de_18_de_agosto_de_incentivos_ao_autoemprego_colectivo_de_persoas_inscritas_no_Sistema_Nacional_de_Garanta_Xuvenil.pdf