A aula móbil do programa de Garantía Xuvenil chega a vindeira semana a Ourense, Monforte de Lemos e Lugo
A aula móbil do programa de Garantía Xuvenil chega a vindeira semana a Ourense, Monforte de Lemos e Lugo
Categoría: Novas anteriores
A aula móbil do programa de Garantía Xuvenil, que impulsa a Consellería de Economía, Emprego e Industria, visitará a semana que ven as localidades de Ourense, Monforte de Lemos e Lugo. A aula móbil quedará instalada cun horario ininterrompido de 12:00 da mañá a 20:00 da tarde.
Paralelamente a estas actividades continúan as charlas informativas. Ao longo desta semana os orientadores desprazaranse a A Guarda, Tomiño, Ribadumia, Meis, Soutomaior, Cambados, Mos, Salceda de Caselas, Barbadás, Pereiro de Aguiar, Burela, Foz e Ribadeo. Todas estas actividades son de libre acceso e contarán coa presenza de técnicos que explicarán os beneficios da estratexia e solventarán todas as dúbidas dos asistentes.
O obxectivo do programa de Garantía Xuvenil é que os participantes poidan recibir unha oferta de emprego, de educación continua, formación de aprendiz ou acceder a un período de prácticas nun prazo de catro meses despois de acabar a educación formal ou quedar desempregados.
Para acadar este fin, o programa vertébrase en catro eixos: mellora da intermediación (servizo de orientación e información laboral), mellora da empregabilidade (obradoiros de emprego, prácticas non laborais en empresas), estímulos á contratación (bonificacións e incentivos a empresarios que contraten a mozos e mozas inscritos no sistema nacional de Garantía Xuvenil) e fomento do emprendemento (axudas á creación de empresas propias e cooperativas). Este plan deGarantía Xuvenil está cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo para o período 2014-2020, nunha porcentaxe do 91,89%.