O programa de Garantía Xuvenil en Galicia enmárcase dentro da Estratexia de Emprendemento e Emprego Novo que, tras un proceso de diálogo e participación cos Interlocutores Sociais, se articula para dar resposta á situación laboral na que se atopan moitas persoas novas en Galicia.
Contempla actuacións para mellorar a empregabilidade, facilitar a inserción no ámbito laboral, promover o emprendemento e mellorar a súa situación dentro do mercado de traballo.
Que medidas se van a implantar?
O programa de Garantía Xuvenil en Galicia contempla un catálogo de medidas axustadas aos distintos perfís de persoas novas entre 16 e 29 anos.
As medidas vertébranse en torno a catro eixes principais:
- Mellora da intermediación: Orientación laboral, información laboral e acompañamento, actuacións con axencias de colocación, etc.
- Mellora da empregabilidade: Programas formativos, programas de adquisición de experiencia e prácticas non laborais en empresas.
- Estímulos á contratación: Incentivos á contratación indefinida, á contratación temporal así como á transformación de contratos temporais en indefinidos compatibles coas bonificacións das cotizacións á Seguridad Social para as empresas que contraten a persoas novas inscritas no sistema nacional de Garantía Xuvenil.
- Fomento do emprendemento: Entre as que se inclúen axudas para a creación do propio posto de traballo xa sexa de forma individual como traballadores ou traballadoras autónomas ou de forma colectiva constituíndo cooperativas.
Cal é o obxectivo?
É un programa dirixido a todos os que tedes entre 16 e 29 anos a través do cal pretendemos garantir a igualdade de oportunidades no mercado laboral. Tamén buscamos ofrecervos experiencia laboral, formación ou cursos de idiomas e TIC.